“Dende o punto de vista cualitativo nunca houbo tanta sensibilidade social e nunca a lingua tivo tanto prestixio”

Real Academia Galega desempeña un papel fundamental na regulación e promoción do idioma galego. Cales son os criterios utilizados para a elaboración das normas e dos estándares lingüísticos. Como se aseguran de manter un equilibrio entre a tradición e a evolución do idioma?

Os Estatutos da Real Academia Galega, aprobados por Real Decreto 271/2000 de 25 de febreiro, recollen no seu primeiro artigo que a Academia “é unha institución científica que ten como obxectivo fundamental o estudo da cultura galega e especialmente a ilustración, defensa e promoción do idioma galego”. Partindo deste esteo, a Academia ocúpase da elaboración da norma gramatical, ortográfica e fónica da lingua; do inventario do seu léxico, con proposta dun dicionario de uso e, consonte o anterior, a modernización e actualización do mesmo. Tamén o estudo e a restauración da onomástica (antroponimia e toponimia), un dos grandes patrimonios culturais de que dispoñemos. Periodicamente, nunca menos dunha vez ao mes, o Seminario de Lexicografía, no que participan académicos numerarios e correspondentes, reúnese para revisar o Dicionario da RAG, reformulando voces e definicións, propoñendo novas entradas, novas acepcións en moitos casos, sempre na preocupación dun idioma accesible, enraizado na tradición, mais capaz de dar resposta ás necesidade dos tempos, que son necesidades de todo tipo, de uso común e tamén técnicas. Estamos diante dunha lingua viva que remonta a súa existencia a máis de mil anos, pero que vive no século XXI. Unha lingua, ademais, con demanda social. O Dicionario da RAG ten nestes momentos case 130.000 consultas diarias. Dixen ben: diarias. Amais do antedito, a Lei de Normalización Lingüística de xuño de 1983, aprobada por unanimidade no Parlamento Galego, sinala na súa Disposición adicional que “nas cuestións relativas á normativa, actualización e uso correcto da lingua galega, estimarase como criterio de autoridade o establecido pola Real Academia Galega”. 

A lingua galega experimentou un proceso de normalización e promoción nas últimas décadas. Cal é a súa avaliación destes avances e cales considera que son os principais desafíos pendentes neste ámbito? E desde unha perspectiva xurídica?

Para responder ás demandas ás que acabo de facer referencia, a Academia dispón de liñas de traballo especializadas, xestionadas a través do Seminario de Terminoloxía, que sancionan logo os académicos do Seminario de Lexicografía. En Terminoloxía acóllense iniciativas de grupos externos especializados en distintos ámbitos, entre eles tamén o xurídico, algúns son demandados pola RAG e outros chegan espontaneamente. Hai traballos sobre edición e artes gráficas, informática, enxeñería, botánica, astronomía, medicina, ciencias naturais, química, física, deportes… Non todas as solucións se incorporan inmediatamente ao Dicionario, pero considéranse, contrástanse e documéntanse. Co tempo, segundo vai consolidándose o uso, incorpóranse ao Dicionario.

No ámbito xurídico, e na redacción das leis e dos documentos legais, son fundamentais a precisión e a claridade. Cales son as recomendacións da Real Academia Galega para garantir a correcta utilización do galego no eido legal e evitar ambigüidades ou interpretacións erróneas.

Sempre que nos enfrontamos á terminoloxía especializada, neste ámbito e noutros, procuramos o asesoramento de persoas expertas. A precisión é fundamental, neste eido, mesmo quizais máis ca noutros. Son os xuristas quen deben achegar propostas, mais sempre tendo en conta o espírito e a tradición da lingua; pensemos que o galego ten raíces históricas e solucións moi importantes neste campo xa dende tempos medievais; mais o galego é unha lingua do século XXI e, por tanto, non pode caer en anacronismos nin solucións exóticas, propias doutras épocas. Aquí é onde a sensibilidade, a experiencia, o coñecemento e o diálogo entre xuristas e filólogos é fundamental. 

Fotos: Real Academia Galega

A tecnoloxía e a dixitalización están transformando a forma en que nos comunicamos. Como se adapta a Real Academia Galega a estes cambios? Que medidas están tomando para garantir a coherencia e a calidade do idioma galego nas contornas dixitais e legais?

Coido que na pregunta anterior xa está a resposta. A Real Academia Galega combina a experiencia e os coñecementos de filólogos con especialistas nos distintos ámbitos profesionais. E mesmo hai un proceso de maduración para as solucións que se van achegando de xeito que, cando se incorporen ao uso, veñan contrastadas. En moitos casos, sempre que é posible e non violente o espírito da lingua, para resolver novidades botamos man do portugués. A referencia ao portugués nas especializacións técnicas é moi útil.

“Un dos obxectivos estratéxicos do equipo é dotar a institución de recursos para potenciar a comunicación, a difusión do idioma e a incorporación de novas xeracións para o seu coñecemento e uso”

Nos últimos anos, constatouse unha perda de galegofalantes, a que cre que se debe e que medidas considera oportunas para reverter esta situación?

As medidas han de ser políticas, de estímulo e uso, con especial atención aos espazos de socialización da mocidade: o mundo do deporte, o lecer, as actividades extraescolares, os espazos comerciais, os medios de comunicación de masas, as redes sociais, o cinema, a música… Estimular a produción nestes eidos é fundamental, mais é unha cuestión política, e é dende un gran pacto da política como debe afrontarse o futuro, con solucións que impliquen o máximo número de axentes sociais. Unha gran mesa para a lingua. Fixéronse cousas na escola, pero se non se actúa no conxunto da realidade social a escola acaba sendo un gueto. Dende o punto de vista cuantitativo o galego perde falantes. Esta é unha realidade obxectiva que a Real Academia Galega denunciou moitas veces, con estudos moi esixentes e documentados. O Seminario de Sociolingüística traballa moi seriamente nesta dirección. Tamén é certo que dende o punto de vista cualitativo nunca houbo tanta sensibilidade social e nunca a lingua tivo tanto prestixio. O perigo é que se converta unha fórmula litúrxica para as representacións oficiais e perda o que realmente ten que ser: o grande espazo de comunicación e socialización dos galegos e das galegas. Ollando cara ao futuro vexo dous problemas que, ao mesmo tempo, son dous desafíos: a presenza do idioma nas novas tecnoloxías da comunicación, niso que se denomina a globalización; e a transmisión xeracional: o compromiso das familias para continuar coa lingua viva nos fillos e nas fillas. Mais, repito, esta é unha cuestión política. Explicar a utilidade da lingua é fundamental: como lingua de uso e de identidade para a produción e mesmo para o comercio, e como lingua de relación internacional apoiándonos no portugués e no brasileiro principalmente, tamén nas falas do continente africano. Dende este punto de vista, o galego non é unha lingua local. Esta é unha estratexia de acción que cómpre abordar dende a política, o diálogo e o consenso. Pero con decisión. O tempo non agarda por nós.

“Sempre que nos enfrontamos á terminoloxía especializada, neste ámbito e noutros, procuramos o asesoramento de persoas expertas. A precisión é fundamental, neste eido, mesmo quizais máis ca noutros”

No eido máis persoal, como valoraría o seu labor e o do seu equipo nesta segunda etapa como presidente da Real Academia Galega. Considera que os obxectivos que se propuxo se foron cumprindo ou que están en vías de ser conseguidos?

Un dos obxectivos estratéxicos do equipo é dotar a institución de recursos para potenciar a comunicación, a difusión do idioma e a incorporación de novas xeracións para o seu coñecemento e uso, sendo conscientes, como xa dixen, de que a Real Academia Galega non ten competencias para deseñar a política lingüística. A política lingüística é responsabilidade e competencia da Xunta de Galicia. Dito isto, o noso traballo céntrase no estudo, nas competencias ás que me refería na primeira resposta, e en todo tipo de accións que consideramos que poden estar dirixidas ao prestixio do idioma. Estamos traballando na web e nas novas tecnoloxías da comunicación como unha liña de crecemento e, ao mesmo tempo, de difusión para levar o galego alén das nosas fronteiras. Con todo, a remodelación do vello edificio da rúa Tabernas, sede da Real Academia Galega durante todos estes anos, estanos sometendo a unha forte tensión. A idea é poder dispoñer de novas instalacións da Real Academia Galega para dentro de dous anos. Pero as obras van máis amodo do que esperabamos.

Pese a que na composición do pleno da Real Academia Galega a presenza de mulleres está aínda en minoría, o seu equipo máis próximo está composto maioritariamente por académicas. Foi unha decisión súa persoal que fose así? Cre que isto supón un cambio positivo no desenvolvemento das tarefas da academia?

Son decisións compartidas. A Real Academia Galega é moi consciente da necesidade de incorporar mulleres non só ao plenario senón ás Seccións, aos Seminarios e a todas as áreas de traballo. Niso estamos. Se repasa vostede a incorporación de mulleres á Real Academia Galega, verá que este é un feito incontrovertible e que non ten marcha atrás. O mundo mudou radicalmente nas últimas décadas, e entre outras mudanzas importantes está a incorporación da muller a todos os ámbitos do coñecemento e da participación social. A Real Academia Galega non é unha excepción.

Vostede é un autor cunha máis que sobresaínte obra literaria. As responsabilidades inherentes ao seu cargo estanlle a afectar á súa faceta creadora?

A miña faceta creadora, se se refire vostede ao ámbito da creación literaria, está adiada, certamente. Espero poder retomala chegado o momento. 

María Núñez